

Mujica, Petrini e Sepúlveda convídannos reflexionar sobre o noso dereito a sermos felices, a desfrutar do camiño da vida e a vivirmos por un motivo.
Escollemos este libro antes de saber que o mundo sería sacudido por unha pandemia mundial, mais a súa publicación non nos pode parecer máis acaída. As reflexións de Mujica, Petrini e Sepúlveda son un sopro de aire fresco, de esperanza, de confianza.
Na nosa sociedade capitalista onde todo se fai a correr e cun obxectivo, onde todo son dereitos e deberes, propóñennos reflexionar sobre o noso dereito a sermos felices, a desfrutar do camiño da vida e a vivir por un motivo.
Obviamente ninguén ten a receita para a felicidade, pero estas tres sabias mentes suxiren varias chaves que nos han permitir abrir máis portas das que pensamos. Soberanía, sindicalismo, maior contacto coa terra, diálogo continuo, militancia, empatía e solidariedade son palabras que se repiten nun discurso espontáneo e cargado de forza que soña cun cambio de rumbo.
Carlo Petrini, no limiar que escribiu especificamente para a edición en galego (grazas!), resume perfectamente a mensaxe que os tres querían facernos chegar: «Comprometámonos todos, cada quen coas súas forzas e as súas posibilidades, a vivir por ese sentido da vida que tanto se debate neste libro: o deber moral de facer a nosa parte para promover e conseguir que a felicidade se converta nun dereito universal».